Monday 06 de May de 2024

O Pleno de Brión aproba o POS+ 2024, que destina case 890.000 euros a obras e 250.000 euros a gasto corrente


Brión recibirá algo máis de 71.000 euros do Plan Adicional 1/2024 para gastos sociais extraordinarios

O Pleno Municipal do Concello de Brión aprobou en sesión plenaria extraordinaria a proposta da Alcaldía do Plan Único de Concellos “POS+ 2024”, que destinará 888.988,77 euros a obras (194.131,38 euros do POS+2024 e 694.857,39 euros do Plan Complementario) e 202.620,17 euros a gasto corrente. Unha proposta que saíu adiante cos votos a favor de PSOE e BNG, e coa abstención do PP.

A Achega Provincial 2023, destinada a investimentos financeiramente sostibles, será investida integramente en dous proxectos: “Melloras no núcleo de Tourís” (138.761,76 euros) e “Pista en Brans de Abaixo e outros” (55.369,62 euros). No caso dos accesos a Tourís, na parroquia da Luaña, o Concello de Brión vai anchear en 2,5 metros a estrada de acceso a esta aldea, mellorando a capa de rodaxe con 6 centímetros de aglomerado en quente ao longo tanto dos seus 105 metros de lonxitude como en 221 metros cadrados de entronques con outros viarios. Para poder ampliar eses 2,5 metros será preciso construír un muro de 105 metros. Na marxe da estrada construirase tamén unha beirarrúa de 105 metros e cun ancho de 1,7 metros, previa canalización das augas pluviais coa colocación de 265 metros de tubaxe, 3 pozos de rexistro e 11 arquetas con sumidoiro. Uns traballos que teñen un prazo de execución de seis meses.

O segundo proxecto do POS+2024 inclúe tres actuacións, en Brans de Abaixo (Brión), Chave da Ponte (Bastavales) e A Torre (Brión). Así, o Concello pavimentará con 6 centímetros de aglomerado en quente, previo bacheo con grava e tratamento asfáltico semiprofundo, unha pista en Brans de Abaixo e os accesos á aldea de Chave da Ponte. A maiores, mellorará os 820 metros da pista que une A Torre coa igrexa de San Fins con tratamento asfáltico superficial e rego de selado, previo arranxo de fochancas e amaño de mordentes. As obras teñen un prazo de execución de seis meses.

Así mesmo, aprobouse o Plan Complementario por 694.857,39 euros para tres proxectos: construción dunha senda na aldea Chave da Ponte (141.539,35 euros), mellora dos accesos a Lamiño (93.082,90 euros), mellora da estrada entre Coruxido e Sabaxáns (265.838,85 euros) e construción dunha senda peonil entre as aldeas de Cantalarrana e O Cabo (204.396,29 euros). O proxecto máis importante, orzamentariamente falando, é o da mellora da estrada entre Coruxido e Sabaxáns (Bastavales) onde o Concello pretende mellorar a capa de rodaxe en sete treitos: catro deles que suman 1.110 metros de lonxitude en tratamento asfáltico superficial e rego de selado e os outros tres, que suman 2 quilómetros, en aglomerado en quente. Ademais, melloraranse os cruces de auga a través da colocación de seis metros de marco prefabricado.

Así mesmo, contémplanse dúas sendas peonís. A primeira entre a aldea do Cabo (Os Ánxeles) e o límite con Ames (Cantalarrana). Serán 585 metros dunha senda peonil de 1,8 metros de ancho delimitada exteriormente por un bordo de formigón e que disporá de canalización de augas pluviais, mediante a instalación de 20 arquetas sumidoiro e 20 pozos de rexistro. Tamén contará coa canalización do alumeado público e luminaria decorativas LED. A obra completarase co aglomerado en quente da estrada adxacente.

Pola súa banda, a senda de Chave da Ponte (Bastavales) terá as mesmas características, cunha lonxitude de 470 metros e un ancho de 1,8 metros. Baixo ela levará unha canalización para recollida de augas pluviais, con 12 pozos de rexistro e 12 arquetas sumidoiro, así como o alumeado público. Contémplase ademais a mellora da estrada adxacente con aglomerado en quente en dous treitos de 470 metros.

Finalmente, o Concello aglomerará en quente a estrada de acceso ao lugar de Lamiño (Brión), un viario de 985 metros de longo por 5,5 metros de ancho. Ademais, contémplase a apertura de gabias e limpeza de salvagabias para unha correcta drenaxe, así como a colocación de sinalización horizontal co pintado de liñas de bordo da estrada

Gasto social

O Pleno municipal tamén aprobou o POS+Adicional 1/2004 para o financiamento de gastos sociais extraordinarios por un importe de 71.522,09 euros. Unha iniciativa que foi aprobada cos votos a favor do PP e do PSOE, coa abstención do BNG.

Finalmente, o aprobou un recoñecemento extraxudicial de créditos para o pago de facturas correspondentes ao exercicio 2023 e que se presentaron no primeiro mes de 2024 e ratificou a sinatura do convenio de colaboración entre a Deputación da Coruña e o Concello de Brión para a execución da ampliación do pavillón municipal de deportes de Pedrouzos.